miércoles, 12 de junio de 2013

En galego e dinamización linguística todos os niveis traballaron sobre Massó



O alumnado buscou información e realizou presentacións powerpoint indicando a súa situación e vías de comunicación, a división en parroquias, os sectores económicos, os espazos naturais e os monumentos de interese. Fixemos entón un primeiro achegamento ao complexo fabril de Massó e á súa importancia como patrimonio industrial de Cangas. Proxectamos as fotografías que conserva a CEPA de cando a fábrica funcionaba, como conserveira e como baleeira e escoitamos a testemuña de persoas maiores de Cangas que traballaron alí.
No 2º trimestre, nunha saída camiñando na que participou alumnado de todos os cursos da ESO, percorremos o litoral de Cangas na Ría de Vigo, facendo unha xincana. Unha das probas desenvolveuse nas ruínas que hoxe quedan daquel complexo fabril. Aquí, cada equipo tivo que marcar as respostas correctas nun cuestionario sobre datos da súa historia, sobre o seu valor actual e sobre o seu futuro. Lembramos o que aprenderamos ao principio de curso e axudamos aos nosos grupos a marcar as respostas correctas e a debater sobre o uso que pensabamos que se lle debía dar a este lugar.

Despois investigamos sobre a empresa que hai uns anos quixera construír alí, sobre as razóns da oposición dos veciños e sobre as medidas legais que se tomaran e os seus resultados, recollendo datos e fotos cos que preparamos unha presentación que logo fotocopiamos en cor e plastificamos para que formase parte da exposición sobre o Plan urbanístico de Cangas que se realizou no 3º trimestre. Despois do traballo realizado, concluímos que non nos parecía ben destinar estes terreos ao uso privado que só favorecería a uns poucos. Pensamos que as ruínas da vella fábrica Massó ben merecen ser conservadas e restauradas como patrimonio industrial de Cangas e o espazo que ocupou o complexo fabril debe converterse en zona verde ben conservada para goce de todos os veciños e veciñas de Cangas, dos que a nosa vila é deficitaria.


No hay comentarios:

Publicar un comentario